A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) acollerá a Quantum_Iber_IA International Conference 2026, un encontro que congregará a investigadores, expertos en tecnoloxía e representantes do tecido empresarial. O obxectivo é intercambiar coñecemento, presentar desenvolvementos recentes e debater casos de uso reais no ámbito das tecnoloxías cuánticas e a intelixencia artificial.
Esta conferencia enmárcase no proxecto QUANTUM_IBER_IA, que busca converter o espazo POCTEP nun referente no desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías avanzadas. A iniciativa integra de forma estratéxica as tecnoloxías cuánticas (computación, comunicacións e simulación) coa intelixencia artificial, impulsando o uso compartido de infraestruturas como supercomputadores e plataformas de IA en sectores clave como a agroalimentación, a saúde, a ciberseguridade, a enerxía e o medio ambiente.
O proxecto tamén traballa na creación dun ecosistema de innovación híbrido cuántico+IA que conecte centros de investigación, universidades, administracións públicas e empresas, fomentando a cooperación transfronteiriza e a atracción de talento.
O programa de dúas xornadas intensas incluirá conferencias invitadas. Eneko Agirre, director do Centro HiTZ de Tecnoloxías do Linguaxe (Grupo Ixa), abrirá a primeira xornada, mentres que Enrique Sánchez Bautista, responsable da oficina de Bruselas da Quantum Community Network, abrirá a segunda. As sesións técnicas abordarán a intelixencia artificial, a intersección entre computación cuántica e IA, e as comunicacións cuánticas, ademais de contar con sesións de pósteres.
A asistencia á conferencia require inscrición previa e o aforo está limitado a 105 persoas, con prioridade para aqueles con un resumo (abstract) aceptado. O formulario de rexistro e o programa completo están dispoñibles na web do evento.




