O titular de Facenda pronunciou estas palabras durante a clausura do XII Encontro Asegurador Galego, celebrado en Santiago de Compostela, que reuniu a máis de 400 profesionais do sector. Corgos subliñou a necesidade de que a rede de axentes evolucione e se transforme ante os novos escenarios.
Así mesmo, o conselleiro lembrou que o relevo xeracional representa un dos grandes retos para as empresas aseguradoras, unha problemática similar á que afrontan as pequenas e medianas empresas familiares. Esta situación, sinalou, supón un risco para a viabilidade dos negocios e para a transmisión do coñecemento acumulado.
Para abordar estas dificultades, o Goberno galego prevé incluír nos Orzamentos 2027 unha nova rebaixa impositiva. Segundo explicou Miguel Corgos, ampliarase a redución do 99% xa existente no Imposto de Sucesións para incluír a parentes de ata terceiro grao por afinidade e aos traballadores con maior vinculación coa empresa.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública felicitou ao sector polos encontros, cualificándoos de referente anual para tratar temas de actualidade que afectan directamente aos profesionais do presente e do futuro.




