A reunión, presidida por Diego Calvo e coa presenza do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, marca o inicio formal do proceso institucional para modernizar a normativa autonómica. Esta iniciativa enmárcase na aposta da Xunta por unha xustiza máis moderna, eficiente e próxima á cidadanía.
A Comisión Superior está integrada por representantes da Administración autonómica, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, das universidades galegas e de diversas institucións xurídicas e profesionais. Entre as institucións representadas atópanse o Consello da Cultura Galega, o Consello da Avogacía Galega, o Consello Galego de Procuradores, o Colexio Oficial de Rexistradores da Propiedade e Mercantís, o Colexio Notarial de Galicia e a Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.
O Goberno galego impulsa esta reforma ante a necesidade de adaptar a normativa vixente, datada do ano 2006 e revisada por última vez en 2017, ao novo contexto sociolóxico, tecnolóxico e ao dereito internacional. Tamén se busca atender á protección de persoas con discapacidade, idade avanzada ou en situación de soidade non desexada.
Unha proposta de reforma elaborada pola Comisión Notarial de Dereito Civil de Galicia, presentada o mes pasado, servirá como punto de partida para o traballo da comisión. A esta sumaranse as achegas doutras institucións e asociacións afectadas.




