Dende este xoves, o retrato do ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, forma parte da Galería de Reitores na primeira planta da sede da Reitoría, no Colexio de San Xerome. A obra foi elaborada polo artista e presidente da Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo.
Durante o acto, ao que asistiu o equipo de goberno que acompañou a López durante os seus oito anos de mandato, así como o actual equipo de Rosa Crujeiras e persoal de administración, o ex reitor expresou sentirse "moi ben tratado" e "moi satisfeito co resultado". Destacou a importancia que para Quintana Martelo ten a captación da luz, que considera moi ben reflectida na obra.
No retrato, Antonio López aparece co traxe académico de reitor e o barrete na man, sobre o que se atopa un trevo de catro follas, un elemento que o protagonista solicitou expresamente por ter un significado especial para el. Cada folla do trevo representa unha aspiración: o amor pola Universidade, a fe na universidade pública como ferramenta de transformación social, a esperanza de que a Universidade compostelá siga sendo o "cerebro de Galicia" e a sorte de formar parte desta institución, de contar coa confianza da comunidade universitaria e co apoio da súa familia.
López concluíu afirmando que o retrato representa non só a un reitor, senón tamén un traballo colectivo no que todas as persoas que colaboraron deben sentirse representadas.
Pola súa banda, a reitora Rosa Crujeiras manifestou a súa "enorme satisfacción" por seguir completando a galería de reitores, "porque ao fin e ao cabo así seguimos escribindo na historia da Universidade de Santiago".
O autor da obra, Quintana Martelo, sinalou que foi "moi doado" traballar con Antonio López, a quen cualificou como "o primeiro reitor vivo que retrato", en referencia ao cadro que pintou do reitor Rodríguez Cadarso a partir dunha fotografía.




