A mostra, que chegou a Santiago de Compostela tras itinerar por Madrid e Barcelona coa colaboración da Fundación "la Caixa", consolidou a proxección internacional da Cidade da Cultura. A exposición permitiu achegar ao público galego obxectos con séculos de historia, como máscaras rituais, esculturas, armas cerimoniais e maquetas de embarcacións, xunto a creacións contemporáneas de artistas oceánicos.
Estruturada en sete ámbitos temáticos que abordan o tecido, a danza, a talla, as tecnoloxías de navegación e a resiliencia das comunidades, o discurso establece unha conexión con retos globais como o cambio climático. A mostra pecha tras recibir ao redor de 30.000 visitas e con máis de 3.000 persoas participantes no seu programa de visitas comentadas e didácticas.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolveu un amplo programa de actividades que incluíu un espectáculo de danza tahitiana e unha degustación de gastronomía do Pacífico. O público pode visitar a exposición na súa última fin de semana con entrada de balde e en horario continuado de 10:00 a 20:00 horas.




