O Consello de Goberno da USC aprobou este venres a súa Política de ciencia aberta e segura (PolCAS USC). A institución recoñece a ciencia aberta como un principio transversal da súa actividade investigadora, docente e de transferencia, comprometéndose a apoiar o seu desenvolvemento. O obxectivo é favorecer a libre circulación do coñecemento científico e das tecnoloxías, acelerar o avance científico, aumentar a visibilidade do persoal investigador e potenciar a innovación en beneficio da sociedade.
A ciencia aberta, definida como un conxunto de principios e prácticas para facer accesible a investigación científica, será promovida pola USC mediante servizos de apoio, acceso a infraestruturas e formación. A PolCAS USC estrutúrase arredor de seis dimensións: acceso aberto ás publicacións, datos de investigación, recursos educativos abertos, ciencia cidadá, avaliación da actividade investigadora e revisión por pares aberta, tendo a seguridade na investigación como principio transversal.
Na mesma sesión, aprobouse a oferta de 29 prazas Ramón y Cajal na convocatoria da USC de 2026. Destas, 19 ofrecen noutras tantas áreas temáticas, sumándose 4 adicionais vinculadas ao Programa propio FÉNIX e outras 6 en áreas de difícil captación. Esta distribución busca atender necesidades estruturais de profesorado e facilitar a captación de talento en ámbitos con dificultades de incorporación.
Tamén se aprobaron as Bases para a Planificación do Profesorado 2027, que orientarán a política de profesorado durante o curso académico 2027-2028. As actuacións orientaranse a asegurar a cobertura das necesidades docentes e investigadoras, así como a promover a renovación xeracional en áreas con avellentamento. A promoción do profesorado buscará reducir o tempo entre a obtención da acreditación e a aprobación das prazas.
Entre outros asuntos, o Consello tratou as declaracións de intencións de novas titulacións para o curso 2028-29, como o grao e o mestrado en Microelectrónica. Tamén se aprobou o regulamento e calendario para o curso 2027/28, modificacións de titulacións e a adscrición de materias a áreas de coñecemento. En materia de persoal, presentouse a planificación complementaria de PDI 2026 e a prórroga de contratos de profesorado asociado de Ciencias da Saúde.




