A Fundación ASISA vén de conceder as súas primeiras axudas de apoio á investigación e proxectos sociais, co obxectivo de impulsar o coñecemento científico e a innovación sanitaria. Entre os beneficiarios atópase o investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Óscar Rapado González, cuxo proxecto ‘Desenvolvemento dunha sinatura epixenética en biopsia líquida para a estratificación do risco de metástases ganglionares ocultas en cancro oral: epiPredictOr’ recibiu unha das dotacións.
O proxecto céntrase en desenvolver e validar unha sinatura epixenética baseada en biopsia líquida para identificar e estratificar o risco de metástases ganglionares ocultas en pacientes con cancro oral. Esta iniciativa busca mellorar a estadificación clínica preoperatoria e avanzar cara a estratexias minimamente invasivas, achegando coñecementos sobre os mecanismos moleculares da diseminación metastásica.
Nesta primeira edición, a Fundación ASISA concedeu dez axudas, cinco para investigación sanitaria e cinco para iniciativas sociais, cunha dotación de 6.000 euros por proxecto. As iniciativas teñen un prazo máximo dun ano para o seu desenvolvemento e contan cun sistema de seguimento.
Óscar Rapado González é investigador posdoutoral no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e docente na área de Estomatoloxía da USC. A súa traxectoria céntrase na caracterización molecular do cancro de cabeza e pescozo, especializándose na epixenética e na busca de biomarcadores en biopsias líquidas para a detección temperá e non invasiva do cancro oral.




