A defensa da pesca e dos fondos europeos centrou a axenda de Galicia en Bruxelas durante o mes de outubro. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou activamente na presentación da Visión 2040 para a pesca e a acuicultura, trasladando á Comisión Europea as prioridades das rexións pesqueiras para asegurar un futuro competitivo e sostible para o sector, con especial énfase no relevo xeracional.
Na Semana Europea das Rexións e das Cidades, Galicia tamén expuxo as súas experiencias en cooperación transfronteiriza, xestión da auga e dixitalización. Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia fixo un chamamento á redución da burocracia para as pemes da industria da defensa.
Ademais, a cerimonia dos Premios #EuropaXunta 2026, celebrada en Santiago de Compostela, recoñeceu seis proxectos en cinco categorías, sendo Polybris o principal galardoado desta edición como Proxecto Europeo do Ano en Galicia.
A iniciativa 'Galicia Calidade. Diálogos en Bruxelas' celebrou a súa segunda edición, encabezada polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e coa participación de Ignacio Rivera, presidente executivo da Corporación Hijos de Rivera.
O boletín tamén inclúe unha selección de consultas públicas nas que a cidadanía e as entidades galegas aínda poden participar.




