A entidade financeira Caixa Rural Galega contribuirá á difusión e desenvolvemento de actuacións vinculadas ao vindeiro Ano Santo cunha achega económica de 150.000 euros. O acordo foi formalizado hoxe mediante un acto de patrocinio entre o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e o presidente do Consello Reitor de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López.
Marcos Gómez Román destacou a importancia de sumar a implicación das entidades galegas á estratexia de promoción do vindeiro Ano Santo, cualificándoo como "unha gran oportunidade para proxectar Galicia nos ámbitos nacional e internacional e poñer en valor o Camiño de Santiago como patrimonio cultural e espiritual". Agradeceu a colaboración de Caixa Rural e salientou a importancia de traballar conxuntamente para consolidar Galicia como un destino de referencia.
Pola súa banda, Manuel Varela López puxo de relevo o compromiso da entidade co desenvolvemento de Galicia e a promoción dos seus valores culturais. "O Camiño de Santiago forma parte da nosa identidade e constitúe un patrimonio de enorme valor para Galicia e para Europa. Con esta achega queremos contribuír á difusión do Xacobeo 2027 e apoiar unha celebración que representa unha oportunidade para impulsar o turismo, dinamizar a actividade económica e dar a coñecer Galicia en todo o mundo", afirmou.
A doazón realízase con carácter puro, simple e irrevogable e os fondos destinaranse á promoción, divulgación, apoio e mecenado do Xacobeo 2027, declarado acontecemento de excepcional interese público. Con esta achega, Caixa Rural Galega busca impulsar a difusión de Galicia, do Camiño de Santiago e do seu patrimonio cultural.




