O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Luis León, destacou hoxe a importancia de fortalecer a rede sanitaria fronte aos fenómenos climáticos extremos durante a súa participación na Xornada de Cambio Climático e Saúde, celebrada na Consellería de Sanidade en Santiago de Compostela.
León explicou que o cambio climático representa un dos principais retos para a saúde pública do século XXI, con efectos directos na morbilidade, mortalidade, demanda asistencial, sustentabilidade dos sistemas sanitarios e equidade en saúde. Sinalou que Galicia afronta riscos como ondas de calor, incendios forestais, enfermidades transmitidas por vectores e o impacto sobre infraestruturas e servizos.
Neste contexto, o xerente do Sergas incidiu na necesidade de que o sistema sanitario público galego avance en dúas direccións: adaptación, para garantir a continuidade asistencial e protexer aos colectivos vulnerables; e mitigación, para reducir a pegada ambiental da actividade sanitaria a través da eficiencia enerxética, mobilidade sostible, contratación verde e xestión responsable de residuos.




