O proxecto ‘Aldeia’, impulsado polos estudantes da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC Adrián Otero, Jennifer López, Inés Verdes e Gisela Villanueva, gañou o Terra Creative Jam. Este evento fomenta a implicación universitaria e xuvenil coas zonas rurais a través de ideas innovadoras para o seu desenvolvemento sustentable. O sistema ‘Aldeia’ rexistra patróns de comportamento con intelixencia artificial e alerta as familias ante calquera anomalía na rutina diaria das persoas maiores, ofrecendo tranquilidade e manténdoas conectadas.
O segundo premio foi para ‘Fartura na Rúa’ de Icaro Santana, Jesús Álvarez, Iris Faria e María González. Trátase dun programa multimedia que usa a cociña como reclamo para instruír e educar persoas do rural e da terceira idade a través de pequenos talleres. Estes buscan que aprendan a usar ferramentas dixitais modernas, como unha airfryer ou Alexa, para simplificar tarefas.
O terceiro posto foi para ‘FOSSO’, de Víctor Pombo, Cristóbal Aceituno, Elisa López, María Carollo e Roberto Penas. Este proxecto propón transformar residuos de fosas sépticas en biogás para calefacción e compost, impulsando a economía circular e a sustentabilidade rural. O seu proxecto piloto expóñese en Coeses (Lugo).
O Terra Creative Jam tivo lugar os días 24 e 25 de outubro na Facultade de ADE da USC. As mellores propostas recibirán premios, apoio institucional, posibles vías de financiamento e a oportunidade de incubarse dentro do proxecto LIRES e dos programas de emprendemento da USC.
O evento enmárcase no proxecto POCTEP ‘Laboratorios de Innovación Rural e Emprendemento Sostible – LIRES’, liderado pola USC a través do Campus Terra de Lugo. O consorcio inclúe Vida Láctea, TecMinho, UTAD, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, In.Cubo, Comunidade intermunicipal do AVE e Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL). O obxectivo é capacitar mocidade rural de Galicia e Norte de Portugal, especialmente mulleres rurais, mediante un programa híbrido de emprendemento para crear novas empresas e servizos que impulsen unha Economía Rural Sostible.




