O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou esta mañá na Cidade da Cultura a proposta, que busca dinamizar turisticamente e diversificar as experiencias vinculadas á ruta xacobea. A iniciativa contará con artistas nacionais e internacionais e desenvolverase tanto nunha gran carpa como nas rúas.
A programación inclúe unha variada oferta de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos. As catro vilas que acollerán os eventos son Verín (do 12 ao 15 de novembro), Lalín (do 20 ao 22 de novembro), A Estrada (do 27 ao 29 de novembro) e Santiago de Compostela (do 3 ao 6 de decembro), onde se clausurará o ciclo.
Entre as propostas destacadas atópanse a Gran Gala de Circo no Camiño, conducida polo pallaso Fifo; a maxia do Mago Teto; os espectáculos de Culturactiva; a música infantil de Uxía Lambona e a Banda Molona; e os pasarrúas de Troula.




