O obxectivo desta iniciativa é que os novos doutorandos realicen a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos para promover a transferencia de coñecemento, segundo sinalou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante o encontro. O titular de Ciencia afirmou que o programa é unha ferramenta estratéxica para conectar o mundo académico co tecido produtivo, achegando respostas a problemas reais e contribuíndo á competitividade e modernización de Galicia.
O conselleiro destacou que esta iniciativa é capaz de captar talento, crear emprego e impulsar a transferencia de coñecemento desde as universidades. Resaltou tamén que o 60% dos doutorandos que realizan a tese en empresas manteñen a súa vinculación laboral unha vez finalizada, e no caso dos centros tecnolóxicos, esta porcentaxe elévase ao 83%.
Nesta sexta convocatoria, 12 dos 15 doutorandos levarán a cabo a súa tese en empresas e os tres restantes en centros tecnolóxicos. Nove estudantes proceden da Universidade de Santiago de Compostela (USC), cinco da Universidade de Vigo (UVigo) e un da Universidade da Coruña (UDC). As principais áreas de investigación inclúen bioloxía, farmacia, medicina, enxeñaría, física, dixitalización e química.
O programa, que xa apoiou a 91 investigadores ao longo das súas edicións, busca resolver as necesidades e retos das empresas e centros receptores, cubrindo custos de contratación e gastos de proxecto, ademais de apoiar estadías no estranxeiro. A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta polo talento e o emprego de calidade en I+D+i.




