O equipamento, que inclúe mobiliario de oficina, taquillas, vestiarios e estantes, será distribuído, montado e instalado nas dependencias do centro. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 26 de outubro para presentar as súas ofertas.
O Centro de Protonterapia, cuxa posta en marcha está prevista para finais deste ano ou principios do vindeiro, converterase nun referente a nivel estatal. Estímase que poida atender a uns 250 pacientes ao ano, non só galegos, senón tamén procedentes de Castela e León, Asturias e do norte de Portugal.
Esta nova infraestrutura sanitaria estará especialmente enfocada a pacientes oncolóxicos con alta expectativa de supervivencia, prestando tamén atención á poboación infantil. O investimento total supera os 60 millóns de euros, incluíndo os 28 millóns achegados pola Fundación Amancio Ortega.
As obras do edificio, impulsadas polo Goberno galego, contan co cofinanciamento de fondos europeos do programa Feder de Galicia 2021-2027.




