A Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) buscan fortalecer as súas sinerxías no marco da colaboración público-privada. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo unha reunión de traballo co decano do COAG, Luciano González, co obxectivo de potenciar a cooperación entre ambas as institucións.
Na xuntanza, celebrada en Santiago de Compostela, tamén participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e a responsable da área técnica do COAG, Lucía Fernández. Tratáronse posibles vías de cooperación para favorecer a empregabilidade dos arquitectos, un colectivo profesional clave para o sector estratéxico da construción en Galicia.
Abordouse tamén a nova convocatoria autonómica de axudas destinada ao impulso da rehabilitación de vivendas para persoas traballadoras. Esta iniciativa, cuxo prazo de solicitude remata o 15 de xullo, busca garantir a cobertura de vacantes laborais e fomentar a fixación de poboación en concellos de menos de 20.000 habitantes.




