A Delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e o Director Territorial de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou hoxe a estación de servizo Ponte Ulla para coñecer as melloras financiadas pola administración autonómica.
Esta liña de axudas, cunha achega total de máis de 43.000 euros, permitiu a implantación dun sistema autónomo de cobro e dun sistema automático de prevención e extinción de incendios nas dúas marxes da área de servizo.
A incorporación do sistema de cobro autónomo busca ampliar a dispoñibilidade do servizo, mentres que o novo sistema contra incendios reforzará a seguridade das instalacións e dos usuarios.
O obxectivo destas axudas é impulsar a modernización das estacións de servizo situadas en concellos rurais de menos de 20.000 habitantes, fomentando a adopción de novas tecnoloxías para mellorar a atención ao cliente, a seguridade e a competitividade.
Na provincia da Coruña, estas axudas beneficiaron a 21 áreas de servizo cun investimento próximo aos 240.000 euros. Na comarca de Santiago, catro estacións recibiron preto de 66.000 euros. A orde de axudas contou cun orzamento total de 800.000 euros.
A delegada subliñou o compromiso da Xunta coa dixitalización das empresas rurais para favorecer un desenvolvemento económico equilibrado e reforzar a competitividade en todo o territorio galego.




