O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria desta actividade formativa, que forma parte do programa da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), centro de referencia na preparación das forzas e corpos de seguridade en Galicia.
A iniciativa está destinada a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria. Os axentes das policías locais de concellos sen galería de tiro propia poderán asistir a estas clases gratuítas na Agasp, impartidas por persoal instrutor titulado. As administracións locais interesadas poden reservar prazas para os seus policías antes do 2 de outubro.
As prácticas realizaranse os días 13, 15, 27 e 29 de outubro, e o 3, 5, 10, 12, 17, 19, 24 e 26 de novembro, en horario continuado de 10:00 a 20:30 horas.
Anualmente, máis da metade dos preto de 1.500 policías locais de Galicia acoden á Agasp para realizar as dúas prácticas de tiro regulamentarias. A galería de tiro da academia tamén acolle clases para novas promocións e cursos de formación continua da Policía Local, Nacional e Garda Civil, o que garante unha ocupación do 100%.
A arma regulamentaria é obrigatoria para todos os axentes da autoridade e o seu manexo é materia troncal nos cursos de acceso á categoría de policía. A práctica continua é fundamental para adquirir as destrezas necesarias para o seu uso.
O Plan anual de adestramento forma parte dun programa formativo máis amplo da Agasp que prevé máis de medio milleiro de cursos este ano, sumando case 21.000 horas e máis de 17.800 prazas.
A Agasp consolídase como centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, ofrecendo contidos actualizados e adaptados á realidade do traballo diario e dos servizos de emerxencias.




