O auditorio municipal da Ramallosa, en Teo, será o escenario o próximo mes de setembro dunha xornada de divulgación centrada na Transición Española. Esta iniciativa, promovida conxuntamente polo Concello de Teo e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), busca pór en valor este período fundamental da historia contemporánea de España.
Baixo o título Unha mirada desde Teo á transición española, o encontro contará coa participación de recoñecidas figuras. Entre eles atópase Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, quen foi conselleiro durante o período preautonómico de Galicia e un dos redactores do borrador do Estatuto de Autonomía, ademais de deputado autonómico.
Tamén participará Anxo Varela, xurista pola USC e experto en xustiza constitucional, que ademais exerce como profesor na universidade compostelá e membro do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG).
A xornada estará presidida pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, e contará coa intervención de José Julio Fernández Rodríguez, catedrático de Dereito Constitucional da USC e director do CESEG. O obxectivo principal é analizar e destacar a importancia do período que restaurou a democracia en España tras a ditadura.




