Este encontro, xa consolidado como referente no sector eólico galego, servirá para debater os principais desafíos e posibilidades dunha industria clave para a transición enerxética, o crecemento económico, a actividade industrial e a xeración de emprego na comunidade.
A edición deste ano congregará a representantes institucionais, asociacións do sector, expertos e empresas. Abordaranse temas como a situación actual e as perspectivas da enerxía eólica, as experiencias de repotenciación xa desenvolvidas en Galicia, a resposta europea para protexer a industria renovable e as melloras regulatorias necesarias para impulsar novos proxectos.
O evento terá lugar no edificio CINC da Cidade da Cultura e comezará ás 08:30 h coa recepción e acreditación. A xornada inclúe relatorios sobre a situación e perspectivas da enerxía eólica, casos de repotenciación como o de Muras, e unha mesa de debate sobre melloras regulatorias.
Participarán na xornada representantes de asociacións como a Asociación Eólica de Galicia (EGA) e Claner, así como expertos de empresas como Naturgy e Iberdrola, e profesionais do dereito de Garrigues. A moderación da mesa de debate correrá a cargo de Nonito Aneiros, de Cluergal.
O acto de apertura contará coa intervención de Oriol Sarmiento Díez, xerente de Cluergal, e un representante da Xunta de Galicia (pendente de confirmación). A clausura será realizada por José Ramón Franco, presidente de Cluergal, tamén coa presenza dun representante autonómico.
WIND GALICIA 2026 forma parte dos ENERGY DAYS 2026, organizados por Cluergal do 30 de setembro ao 2 de outubro en Santiago de Compostela. A asistencia ao evento é gratuíta, pero require inscrición previa a través do formulario habilitado pola organización.




