Meteogalicia rexistrou tamén valores moi elevados noutras localidades galegas. Os termómetros acadaron 39,4 graos en Cospeito, na provincia de Lugo; 39 graos en Riotorto; e 38,7 graos no Valadouro e en Rubiá.
A vaga de calor mantivo por terceiro día consecutivo en xaque moitas localidades galegas, con temperaturas arredor dos 40 graos e rexistros nocturnos de ata 30 graos. O luns, as temperaturas máis elevadas rexistráranse na cidade de Ourense, onde os termómetros chegaron aos 39,6 graos.
A previsión apunta a que a partir deste mércores comezarán a baixar as temperaturas, despois de varias xornadas marcadas por unha calor intensa tanto durante o día como durante a noite. Galicia seguirá baixo os efectos da vaga de calor, aínda que a previsión apunta xa ao inicio dun cambio de tempo coa entrada dunha masa de aire atlántica máis fría polo oeste.
Segundo a previsión da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a comunidade estará en aviso amarelo por altas temperaturas nas provincias de Lugo e Ourense. Ademais, Galicia tamén terá aviso por treboadas, neste caso na provincia de Lugo, cunha xornada na que poderán formarse chuvascos acompañados de refachos fortes e mesmo sarabia no noroeste peninsular.
A AEMET agarda que este mércores continúen as temperaturas moi altas en boa parte do Estado, aínda que avanzou un descenso das máximas no terzo oriental e na metade occidental da Península. No caso de Galicia, esa baixada poderá ser notable, o que marcaría o comezo do alivio térmico tras varios días de calor extrema.
A previsión recolle tamén o desenvolvemento de nubes de evolución na Península, especialmente nas montañas da metade norte. Nese contexto, poderán formarse treboadas e chuvascos. A AEMET non descarta que no noroeste deixen precipitacións intensas con sarabia, polo que Lugo estará tamén en aviso por treboadas. Ademais, son probables brétemas con bancos de néboa matinais nos litorais de Galicia, un fenómeno asociado á entrada de aire atlántico.
No que respecta ao vento, a previsión apunta a que en Galicia soprará do nordés, virando posteriormente a sur. Este cambio acompañará a entrada da masa de aire máis fría polo oeste, que contribuirá a moderar as temperaturas tras unha vaga de calor que deixou valores excepcionalmente altos.




