A campaña, presentada pola conselleira xunto ao concelleiro de Medio Ambiente de Sanxenxo, Yago Torres, e o de Turismo e Praias, Juan Deza, busca promover boas prácticas. Entregouse un decálogo de consellos no miradoiro da Rosa dos Ventos, no Paseo de Silgar.
A conselleira destacou que Sanxenxo é un exemplo ao autorizar as cacharelas en espazos públicos e praias urbanas. Lembrou a necesidade de extremar precaucións pola alerta vermella por calor nalgúns municipios e a importancia de dar unha boa imaxe, xa que se espera un incremento do 3% nos residuos.
“"Galicia ten que dar a mellor imaxe esta noite na que se incrementan os residuos un 3%, polo que hoxe vanse repartir milleiros de folletos co decálogo de boas prácticas."
Para complementar a iniciativa, Yago Torres anunciou o reforzo do dispositivo de limpeza durante toda a noite e para a mañá seguinte, co obxectivo de que todo estea en perfecto estado. Subliñou a importancia da "colaboración cidadá" para gozar tanto da noite como do día posterior.
O decálogo da Xunta inclúe recomendacións para a preparación da festa, como realizar unha compra responsable calculando ben os asistentes para evitar desperdicios de comida e bebida, e optando por alimentos aproveitables.
En Sanxenxo programáronse un total de 207 cacharelas: 183 en fincas privadas, oito na praia de Caneliñas, dez en Silgar, dúas en Panadeira e catro en espazos públicos. Estimouse a participación de 2.669 persoas.




