A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, xunto a outros responsables como o xefe provincial de Tráfico, Alberto Rodríguez, o capitán da Garda Civil, Samuel Lago, e o enxeñeiro técnico Iago Fonteboa, presentou en Baralla, no punto quilométrico 465 da A-6, unha nova iniciativa da DXT. Esta campaña, activa ata o vindeiro domingo 28, céntrase en previr condutas perigosas en estradas afectadas por obras.
O plan busca garantir o respecto á sinalización específica destas zonas e aos límites de velocidade establecidos, que son cruciais para a seguridade dos operarios que traballan na vía. A subdelegada subliñou que o incumprimento destas normas pode supoñer un grave risco para a súa integridade física.
“"Velarán polo cumprimento dos límites de velocidade nos devanditos tramos, o que pode supoñer un factor de vulnerabilidade dos traballadores das vías de circulación abertas ao tráfico."
Segundo datos da Subdelegación, o 82% dos accidentes mortais con operarios implicados atribúense ao condutor. A DXT tamén destaca que un pequeno aumento da velocidade ou o uso do teléfono móbil multiplican exponencialmente o risco de sufrir un accidente.
A DXT fai un chamamento á cidadanía para respectar escrupulosamente a sinalización extraordinaria, extremar a atención, reducir a velocidade e aumentar as distancias de seguridade en zonas de obras. A campaña busca lembrar aspectos básicos da condución durante todo o ano.
Este recordatorio prodúcese tras un lamentable suceso o pasado 30 de xaneiro na A-8, á altura de Guitiriz, onde dous operarios faleceron e outros dous resultaron feridos graves ao ser arroiados pola súa propia furgoneta tras unha colisión previa.




