A protesta, apoiada polo BNG, centrouse nas demandas de mellora da atención sanitaria no rural, incluíndo a reapertura do consultorio de Doiras e a cobertura estable de persoal en Navia de Suarna e Cervantes, así como o reforzo da Atención Primaria.
Amelia Amigo, representante dos convocantes, trasladou o "malestar crecente dunha veciñanza cansada de anuncios baleiros e promesas que nunca se cumpren", criticando os anos de "compromisos" do Partido Popular sen melloras reais, senón "cada vez menos servizos, menos persoal e máis dificultades".
Os manifestantes advertiron de que a situación é "insostíbel" en concellos como Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita ou Becerreá, onde a falta de persoal obriga a desprazamentos longos. Sinalaron que a dispersión poboacional, o avellentamento e a ausencia de transporte público dificultan o acceso á sanidade, especialmente para persoas maiores.
“"O abandono da Atención Primaria no rural non é algo puntual nin unha incidencia concreta, senón o resultado dunha política continuada de recortes e falta absoluta de planificación por parte da Xunta."
Insistiron en que "non pode existir equilibrio territorial nin futuro para a montaña se non se garanten servizos públicos básicos en igualdade de condicións", acusando o Goberno galego de "tratar a veciñanza do rural como cidadanía de segunda".
Aseguraron que continuarán coas protestas mentres non se adopten medidas reais. Amigo concluíu: "O dereito á sanidade pública non pode depender do lugar no que vives nin dos teus recursos económicos. Vivir no rural non pode converterse nun castigo."
Pola súa banda, o Sergas argumentou que a falta de profesionais nas listas de contratación dificulta a cobertura estable das vacantes, aínda que afirmou que se traballa para manter a atención na comarca.




