Na provincia da Coruña rexístranse dous focos. O máis importante atópase en Laxe, orixinado na noite do sábado no lugar de Nande. Para a súa extinción mobilizáronse dous técnicos, 13 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 4 pas e dúas unidades técnicas de apoio.
Noutra localidade coruñesa próxima, Vimianzo, outro incendio declarado na tarde do sábado no núcleo de Salto afecta a 40 hectáreas. Os medios despregados inclúen 7 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 1 pala e unha unidade técnica de apoio.
En canto á provincia de Lugo, un lume declarado en Ribas de Sil, no lugar de Soutordei, xa calcinou 90 hectáreas. Neste punto chegaron a traballar un técnico, 15 axentes, 20 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 4 avións. Preventivamente, decretouse a situación dous pola proximidade a vivendas, aínda que xa foi levantada.
A Consellería de Medio Rural informa destes incendios, xa que afectan a polo menos 20 hectáreas de superficie queimada. A cidadanía pode alertar de novos lumes chamando ao teléfono gratuíto 085, ou denunciar actividades delituosas a través do 900 815 085.




