A Xunta de Galicia, a través do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, Almudena Díaz, mantivo unha xuntanza cos responsables da Fundación Meniños. O obxectivo foi coñecer de primeira man os programas especializados que esta entidade está a desenvolver na prevención e atención á saúde mental, reafirmando o compromiso da administración autonómica co benestar emocional na infancia, a adolescencia e a etapa perinatal.
Durante o encontro, a Fundación Meniños presentou un programa de atención terapéutica especializada dirixido a nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade psicosocial. Esta iniciativa busca abordar de forma integral as dificultades emocionais, condutuais e relacionais derivadas de experiencias adversas, promovendo un traballo coordinado coas familias e os sistemas sanitario, educativo e social.
Ademais, abordouse un programa específico centrado no coidado da saúde mental perinatal, deseñado para ofrecer apoio psicolóxico especializado a mulleres durante o embarazo e no primeiro ano de vida dos seus fillos. Destacouse a importancia de impulsar modelos de intervención que integren a prevención, a atención temperá e a coordinación entre administracións e recursos comunitarios para dar respostas eficaces ás necesidades da infancia e as familias.
A Fundación Meniños, con tres décadas de experiencia, colabora cos sistemas públicos de protección, saúde e educación. O seu modelo de traballo céntrase na prevención e intervención temperá, cun enfoque familiar e na contorna, alta especialización en trauma e protección infantil, e intervención multidisciplinar psicolóxica, social e educativa.




