Rosa Crujeiras, primeira reitora da USC en máis de 500 anos de historia

A catedrática asume o cargo co compromiso de impulsar a igualdade de xénero e unha universidade conectada coa sociedade.

Fachada da Universidade de Santiago de Compostela
IA

Fachada da Universidade de Santiago de Compostela

A catedrática Rosa María Crujeiras asumiu o cargo de reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), marcando un fito histórico ao ser a primeira muller en ocupar este posto en máis de 500 anos.

O solemne acto de toma de posesión tivo lugar no Salón Nobre de Fonseca, onde Crujeiras expresou a súa emoción e a "responsabilidade e o privilexio" de servir á USC. A nova reitora comprometeuse a traballar con escoita e diálogo, buscando o apoio de toda a comunidade universitaria para construír unha nova etapa.
No seu discurso, Crujeiras subliñou o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e de xénero, prometendo "reivindicar o espazo, o tempo e a voz das mulleres". O seu obxectivo é honrar ás mulleres que a precederon e loitar para eliminar os "teitos de cristal" na institución académica.

"Que a presenza das mulleres en todos os postos non sexa unha excepción nin conquista puntual, senón expresión natural dunha Universidad feminista, xusta e plenamente democrática"

Rosa Crujeiras · Reitora da Universidade de Santiago de Compostela
Defensora da educación pública, Crujeiras destacou a súa importancia como patrimonio colectivo e motor de igualdade. Tamén fixo fincapé na necesidade de que a USC aborde os problemas sociais do seu contorno, como o acceso á vivenda, a saúde mental e a loita contra a violencia machista e os discursos de odio, promovendo unha transformación profunda e consciente.
O anterior reitor, Antonio López, foi o encargado de entregar a medalla e o bastón de mando á súa sucesora. López resaltou a transcendencia histórica do momento e pediu á comunidade universitaria que ofreza á nova reitora "canto menos, o mesmo apoio que eu sentín", expresando a súa confianza en que a presenza feminina se normalice no ámbito universitario e político.