A Cidade da Cultura de Galicia inicia este setembro a quinta edición das súas residencias artísticas, co apoio da Xunta de Galicia que destina 60.000 euros a seis proxectos creativos seleccionados entre 130 candidaturas. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou o papel da Cidade da Cultura como espazo creativo e eloxiou a capacidade dos proxectos para "conectar vangarda e tradición" e abordar "cuestións actuais de fondo calado ético".
Cada proposta recibirá 8.000 euros para o seu desenvolvemento, cunha estadía de entre tres semanas e mes e medio. Ademais, contarán co acompañamento dunha persoa mentora experta e cos recursos técnicos e humanos da Fundación Cidade da Cultura. Os resultados presentaranse a finais de novembro.
Os proxectos que inician a súa residencia en setembro son Viravento pluvial, de Carlos Fer (deseño), que crea un dispositivo móbil inspirado na olaría galega; Terremoto, de Manuela Pereira (investigación e curadoría), que desenvolverá un programa de encontros audiovisuais entre artistas; e Estudo para contrabaixo expandido en Mi menor, de David Santos (música), que explorará novas sonoridades co uso de pequenos autómatas.
A finais de outubro chegarán os artistas seleccionados en artes escénicas, visuais e proxectos innovadores. Suevia Rojo investigará a tradución á danza de materiais da Biblioteca e Arquivo de Galicia na súa peza Levitare. Movéndose por riba das palabras. Ventura Pérez deseñará unha peza téxtil vestible e habitable titulada Arquitectura en lugares insospeitados, inspirada en traballos de arquitectos e artistas contemporáneos. Finalmente, Judith Adataberna abordará os debates éticos sobre a eusenese na vídeo-instalación In Vitro Ex Vivo.




