A Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) dirixiu unha carta ao arquitecto responsable da intervención no Hostal dos Reis Católicos, situado na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. A misiva expresa o desacordo coa inclusión de tubos de cobre que sobresaen das gárgolas do histórico edificio, obra de Enrique Egas.
Esta actuación técnica, que forma parte do Plan Director do Hostal e conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, ten como obxectivo solucionar os problemas de evacuación de auga que causaban erosión no balcón e afectaban á fachada por humidade.
“"Aquí non está en discusión a necesidade de evacuar a auga (que é evidente), senón a forma en que se decidiu facelo."
A polémica xurdiu unha vez rematadas as obras, cando os tubos quedaron á vista. A denuncia pública inicial partiu dunha veciña que difundiu imaxes das gárgolas, estendéndose rapidamente polas redes sociais e chegando a figuras de recoñecemento internacional no ámbito da arquitectura.
Desde Apatrigal sublíñase que a Praza do Obradoiro, un espazo de máxima significación histórica e simbólica para Galicia, non admite “banalizacións nin respostas extravagantes”. A asociación insiste en que, aínda que a necesidade de evacuar a auga é clara, existen solucións técnicas máis axeitadas no século XXI, como canalizacións ocultas ou sistemas integrados, que non alteren a estética dun conxunto declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
“"Aos galegos non nos incomoda a intervención contemporánea; incomódanos a intervención que non entende o lugar."
A carta de Apatrigal conclúe solicitando unha revisión da actuación, coa esperanza de que se atope unha solución acorde coa dignidade e o valor patrimonial do lugar.




