A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio relativo a este prazo para a actualización de expedientes de cara ao concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria.
O obxectivo deste procedemento é determinar con precisión o número de prazas que se ofertarán na vindeira convocatoria e a súa localización, baseándose na realidade dos profesionais que cumpren os requisitos no sistema sanitario público galego.
Os profesionais interesados teñen ata o 31 de xullo de 2026 para realizar calquera modificación ou rexistro de documentos nos seus expedientes electrónicos a través de Fides/expedient-e. A Xunta de Galicia advirte que as modificacións posteriores a esta data non serán computadas para o mapa definitivo das prazas.
A convocatoria deste concurso específico realizarase con carácter transitorio e excepcional, e será negociada previamente coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Sanidade.
Para participar neste concurso, os aspirantes deberán cumprir requisitos como posuír a condición de persoal estatutario fixo diplomado ou graduado universitario de enfermería, ter destino definitivo no centro onde se oferta a praza e estar en posesión da titulación específica de enfermeiro/a especialista en enfermería familiar e comunitaria.




