O traballo, liderado por Alberto Ruano Raviña, Mónica Pérez Ríos e Guadalupe García do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), define os requisitos para que unha zona xeográfica sexa considerada de lonxevidade extrema, con especial atención á poboación que supera os 100 anos.
Publicado na revista Aging and Disease, o estudo, titulado ‘Extreme Longevity Areas: Redefining the Need for A Transparent and Standardized Framework’, foi realizado en colaboración con José María Faílde e María Dores Dapía do grupo Long-Aging da Universidade de Vigo. A investigación propón a inclusión de parámetros demográficos e epidemiolóxicos adicionais, como a análise de nonaxenarios e o uso de historias clínicas electrónicas, ademais dos rexistros poboacionais.
A nova metodoloxía busca superar as críticas ao modelo anterior, que se centraba unicamente no número de centenarios en comparación coas zonas limítrofes. Tamén se suxire a monitorización periódica destas áreas, xa que a condición pode variar debido a movementos demográficos ou cambios no estilo de vida, como se observou en Okinawa, Xapón.
O estudo tamén busca distanciarse do concepto de 'zona azul' (Blue Zone), asociado a marcas comerciais, para adoptar un termo máis académico como 'área de lonxevidade extrema'. Esta investigación dá continuidade a estudos previos do grupo que xa revisaran as características comúns destas zonas, como a latitude, o clima, a orografía ou os patróns alimenticios.




