A chegada de varios frontes atlánticos marca o inicio do verán meteorolóxico en Galicia, freando o ambiente estival dos últimos días. Espérase unha tregua térmica con temperaturas máis propias de finais de primavera e precipitacións débiles que se estenderán, especialmente, pola metade oeste da comunidade.
O martes será a xornada na que este cambio de patrón se faga máis evidente, con ceos cubertos en gran parte do territorio e chubascos débiles asociados á circulación de aire atlántico. Segundo explica o experto de Meteogalicia Joel Cid, as precipitacións serán febles e concentraranse na zona da Mariña, mentres que no interior de Lugo remitirán pola tarde, abrindo algúns claros no sur.
Tras varios días con valores inusualmente altos, como os 31 graos rexistrados en Leiro ou os 29,5 en Ribas de Sil, as temperaturas máximas descenderán de forma xeralizada entre 5 e 8 graos. Así, Lugo e Santiago quedarán en torno aos 21 graos, A Coruña e Ferrol roldarán os 20, Pontevedra alcanzará os 22 e Ourense, como zona máis cálida, chegará aos 23 graos. As mínimas tamén baixarán, situándose nos 11 graos no interior de Lugo e entre 13 e 14 no resto.
O mércores, a comunidade manterase nunha situación intermedia entre altas presións e unha borrasca ao norte, con vento do suroeste. Agárdanse ceos parcialmente cubertos, con máis nubes nas provincias da Coruña e Pontevedra, onde poderían rexistrarse orballos pola tarde. As máximas moveranse en Lugo en torno aos 23 graos, Santiago preto dos 21 e A Coruña ao redor dos 22, mentres que Ourense podería achegarse aos 26.
Para o xoves, agárdase o paso dunha fronte pouco activa polo norte da comunidade, con ceos nubosos e choiva débil no litoral norte durante a mañá, tendendo a mellorar pola tarde. As temperaturas máximas experimentarán un lixeiro descenso, sen superar os 22 graos en ningún punto.




