O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reivindicou este mércores en As Pontes de García Rodríguez a aposta do Executivo pola inclusión e a igualdade de oportunidades cun investimento de case 20 millóns de euros en bolsas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Esta cifra, segundo destacou, "triplica a do último curso do Goberno" de Mariano Rajoy.
Durante unha visita ao centro que Aspanaes ten na rúa Areosa, acompañado polo presidente da Deputación da Coruña e alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta de Aspanaes As Pontes, Mercedes Fernández, Blanco puxo en valor "o traballo constante e permanente" da entidade para dotar aos mozos con trastorno do espectro autista (TEA) de "instrumentos que son tan prezados". O pasado curso, as axudas chegaron a 13.000 familias galegas.
“"Multiplicamos por tres os orzamentos que tiñamos cando chegamos ao Goberno."
Pola súa banda, Valentín González Formoso agradeceu ao Goberno de España "achegarse a anunciar unha ferramenta que teñen as familias para dar soporte económico ás necesidades do apoio autista no ámbito familiar e educativo". O tamén presidente da Deputación coruñesa asegurou que a colaboración con Aspanaes, o Concello e o Goberno "está a dar moi bo froito, aínda que nunca é suficiente".
A vicepresidenta de Aspanaes As Pontes, Mercedes Fernández, explicou que o centro conta cunha aula concertada cun máximo de cinco alumnos por día, cada un cun programa adaptado ás súas fortalezas e intereses. "O autismo non se cura, permanece toda a vida, e hai que crear recursos para atender a gran demanda actual", afirmou, á vez que agradeceu a visita para "dar visibilidade ao que a entidade pretende facer e crecer".
As bolsas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2026-2027, cuxa convocatoria se abriu o martes, 19 de maio, permanecerán dispoñibles ata o 10 de setembro. Pódense solicitar de forma telemática a través da sede electrónica do Ministerio de Educación, con posibilidade excepcional de presentación en papel para familias con dificultades de acceso dixital. O Goberno mantén ademais un programa de Educación Inclusiva que deixou 8 millóns de euros en Galicia desde 2022.




