O ciclo de concertos gratuítos Atardecer no Gaiás, impulsado pola Xunta de Galicia, chega á súa fin esta semana con tres citas na Cidade da Cultura. O primeiro concerto, este mércores, coincidirá coa eclipse total de sol do 12 de agosto e estará protagonizado polo dúo de electrónica lugués Galician Army. Para gozar do fenómeno astronómico e da música, haberá reparto gratuíto de lentes protectoras na Praza central do Gaiás, ata esgotar existencias.
Galician Army, formado por Alberto Prado e Sergio Vallejo, presentará un directo que inclúe temas propios do seu primeiro disco de estudo, Valuria. A actuación comezará ás 20,45 horas, unha vez remate a fase de maior ocultación do sol, que acadará na Cidade da Cultura o 99,97%.
O xoves 13 de agosto, a música urbana será a protagonista coa participación de Israel B e Santa Salut, xunto co artista emerxente galego Silee. O músico de Bueu será o primeiro en subir ao escenario ás 20,00 horas. A continuación, a rapeira catalá Santa Salut ofrecerá o seu hip hop feminista, e o madrileño Israel B, coñecido pola súa carreira en solitario tras os grupos Takers e Corredores del Bloque, pechará a noite.
O broche final porao o venres 14 de agosto o trío Turista Sueca, que presentará os temas do seu LP debut, Síndrome de Estocolmo, cunha mestura de pop, electrónica e actitude punk.
Atardecer no Gaiás forma parte da campaña de verán Para gustos, cultura, que inclúe máis de 3.600 actividades promovidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en máis de 200 localidades galegas. O ciclo conta tamén co apoio de Cervezas Alhambra.




