A inclusión do filme na programación da mostra permitirá que opte ao Premio do Público á Mellor Película Galega. Esta selección busca aumentar a visibilidade do rol e das vivencias das mulleres ligadas ao ámbito marítimo.
Dirixido por Sabela Brand, o proxecto audiovisual pon en valor a contribución esencial das mulleres nas industrias mariñeiras de Galicia. A través de testemuños de profesionais do sector pesqueiro e de transformados, a obra aborda a súa participación laboral, a brecha salarial de xénero e as transformacións nas condicións de traballo dende o último terzo do século XX ata o primeiro do XXI.
A peza tamén reflicte a influencia da cultura mariñeira e a importancia da transmisión de coñecementos femininos en tarefas tradicionais que demandaban habilidade e destreza, como a redería, o empaquetado de peixe ou o marisqueo. Ademais, reivindica o papel das mulleres emprendedoras que lideran empresas de pesca, transformación e distribución, sectores clave da economía galega.
Este documental é unha homenaxe ás traballadoras do mar, pasadas e presentes, amosando historias de vida e labor que evidencian a capacidade de aprendizaxe, o esforzo, a cualificación, a adaptación e a resiliencia das mulleres mariñeiras galegas fronte ás crises. A súa contribución foi fundamental non só para a modernización económica da rexión, senón tamén para o mantemento de orzamentos familiares e a mellora do nivel de vida nas comunidades costeiras.
A Mostra de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo (MDFDM), que naceu en 2018, está intimamente ligada ao territorio, ao medio mariño e ao sector pesqueiro. Dende a súa perspectiva rural e cunha proxección internacional, utiliza o audiovisual para fomentar a reflexión sobre a relación da sociedade co mar e a necesidade da súa protección como recurso natural e cultural.




