A iniciativa, presentada polo alcalde Pablo Lago e os responsables de Aldea Producións, Ramón Cordido e Xacobe Sineiro, busca poñer en valor o audiovisual galego e achegalo de forma gratuíta á veciñanza de Brión. O técnico municipal de Cultura, Alberto Álvarez, tamén estivo presente na presentación.
Entre as proxeccións destacadas atópase Antes de nós, filme que acadou un récord histórico nos Premios Mestre Mateo con 13 galardóns. Esta película será proxectada nunha sesión matinal especial para o alumnado do IES de Brión o venres 24 de abril, e contará coa presenza do seu guionista, Pepe Coira, quen responderá ás preguntas dos estudantes.
“"Como un festival non deixa de ser unha festa, gozaremos tamén de música en directo e tapeo a fartar."
As proxeccións abertas ao público comezarán o venres 24 ás 21:00 horas con Rondallas, que contará coa presenza da actriz Marta Larralde. Antes da proxección, haberá un photocall cunha rondalla en directo e, ao remate, tapeo e un concerto do grupo Os Piñeiros.
O sábado 25 de abril, ás 18:00 horas, proxectarase San Simón, un filme que aborda a historia da illa da Ría de Vigo como campo de concentración. O director Miguel Ángel Delgado e os actores Flako Estévez e Eduardo Rodríguez Cunha 'Tatán' estarán presentes para debater sobre a rodaxe e o contexto histórico.
Finalmente, o mesmo sábado ás 21:00 horas, o festival pecharase con Leo&Lou, unha historia visual para todos os públicos. A actriz Julia Sulleiro e o director Carlos Solano participarán nun coloquio, seguido dun novo tapeo e a actuación de Adrián Costa, un recoñecido bluesman europeo.
Todas as sesións públicas terán entrada gratuíta, sendo necesaria a reserva previa a través da billeteira do Concello de Brión. O festival é posible grazas á colaboración do Concello de Brión e empresas como Espina & Delfín, Hotel Balneario Compostela e Global Develop Event Service.




