Noé Carrillo celebra o ascenso do Deportivo en Teo

O centrocampista reivindica as súas raíces compostelás tras o salto do equipo coruñés á Primeira División.

Imaxe xenérica dun balón de fútbol sobre herba con rede borrosa ao fondo.
IA

Imaxe xenérica dun balón de fútbol sobre herba con rede borrosa ao fondo.

O centrocampista do Deportivo, Noé Carrillo, natural de Teo, celebrou o recente ascenso do conxunto coruñés á Primeira División, destacando o seu orgullo por representar o seu municipio e a comarca de Santiago.

O xogador, formado tamén no fútbol base da zona, mostrou a súa felicidade tras unha tempada na que alternou protagonismo co Fabril e o primeiro equipo. Carrillo admitiu que aínda non tivo tempo de visitar o seu concello para festexar o éxito cos seus, pero prometeu facelo canto antes. "Entre a festa, os actos e todo isto non tiven tempo de ir a Teo, pero a ver se podo ir cando estea un pouco máis libre", explicou.
Carrillo subliñou o apoio incondicional do seu círculo máis próximo, incluíndo amigos e familiares, e destacou o valor colectivo do ascenso. "Estou moi orgulloso. É un soño, como se di, e tamén é un orgullo que un equipo galego estea en Primeira", afirmou, recoñecendo tamén a importancia do derbi para o fútbol galego.
Con respecto ao seu futuro, o futbolista mantén os pés na terra e a súa intención é continuar crecendo coa camisola branquiazul. "He estado traballando moitos anos para estes momentos, para que cando o primeiro equipo me necesite estea aí e poida axudar", declarou, confirmando a súa decisión de permanecer no club. "Oxalá poida estar moitos anos", desexou.
O xogador de Teo tamén tivo palabras para o fútbol compostelán, desexando o mellor para a SD Compostela. "Sigo a Terceira RFEF, porque tamén estiven este ano xogando co Fabril en Segunda Federación. Claro que me faría ilusión que suba o Compos. Oxalá consigan estar o máis arriba posible", comentou.
Finalmente, Carrillo avanzou que o equipo preparará o último partido da tempada co obxectivo de gañar e proclamarse campións de liga, para poder celebralo aínda máis coa afección.