A capital galega acolleu unha marcha reivindicativa con motivo do Orgullo LGTBIQ+, que se celebra cada 28 de xuño. A mobilización forma parte dunha onda de actos que tiveron lugar durante a fin de semana en diferentes puntos de Galicia.
O percorrido, que partiu da Praza 8 de Marzo e finalizou na Praza de Praterías, estivo encabezado por unha pancarta co lema "Contra o fascismo, queers organizadas". Movementos similares xa tiveron lugar en Ferrol, Vigo e Pontevedra o sábado, e programáronse para a tarde en Ourense, A Coruña e Lugo.
Durante a marcha, escoitáronse consignas como "A todos os armarios, chisqueiro e gasolina" ou "Aquí está a resistencia trans", ademais doutras críticas á actuación policial.
“"A Policía di que sen o nome do agresor non poden facer nada"
Xandre Garrido, representante de Avante LGTB+, unha das asociacións convocantes, sinalou a "escalada de agresións" nos últimos meses. Criticou que, segundo testemuños que manexa a organización, a Policía non podería actuar en casos de denuncia se non se coñecía a identidade do autor da agresión.
O manifesto lido na Praza de Praterías tamén rexeitou o uso destas violencias para "alimentar discursos racistas e antiinmigración". Ademais, reivindicouse a solución ao "desabastecemento do Lenzetto", un fármaco hormonal necesario para persoas trans e mulleres en menopausia, que afecta a todas elas, segundo se expuxo.




