O Congreso Internacional de Medicina Clínica (CIMEC 2026) deu comezo hoxe no Edificio Fontán da USC, congregando a centos de estudantes de Medicina, residentes e profesionais sanitarios. O encontro, que se prolongará ata mañá sábado, foi inaugurado pola reitora da USC, Rosa Crujeiras; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; a directora da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Isabel Lista García; e o presidente do CIMEC e de CoMeF, Carlos López Vila.
A reitora Rosa Crujeiras destacou a importancia de iniciativas como esta, agradecendo á organización a creación de "espazos que enriquecen a experiencia de quen estudan con vós" e a forma de "facer Universidade" a través da proposta, organización e colaboración.
Tras unha primeira edición que reuniu a máis de 600 asistentes, o CIMEC regresa cunha proposta formativa e de convivencia estruturada en relatorios impartidos por referentes da medicina, a ciencia e a investigación. O congreso inclúe tamén máis de 25 obradoiros prácticos, a presentación de traballos científicos e espazos de networking entre profesionais e estudantes de toda España.
Participan no evento profesionais de recoñecido prestixio en diversos campos, como Alejandro Madrigal, Anna Lluch, Ignacio López-Goñi, David Bueno, Yolanda Gilaberte, Juan José García Cota, Víctor Pérez Solà, Antonio Escribano, José Alcamí, Arturo González Quintela, Jorge Mira ou Jesús G. Maestro.
Durante as xornadas, os asistentes poderán interactuar con expertos e convivir cun comité científico composto por profesionais de referencia, especialistas, investigadores, residentes e estudantes, todos unidos polo interese común de seguir aprendendo Medicina.




