Máis do 23 % dos municipios galegos emprega tecnoloxía da Internet das Cousas (IoT), aplicada principalmente á xestión da auga, ao saneamento e ao alumeado público. O informe de OSIMGA sinala tamén que o 13,6 % xa utiliza solucións de intelixencia artificial (IA) e o 11,5 % contrata servizos de computación na nube.
No caso da intelixencia artificial, o 90,6 % dos concellos que a empregan utilízaa para analizar linguaxe e o 72,3 % para xerar contidos. A computación na nube utilízase maioritariamente para correo electrónico (81,9 %), aloxamento de servidores (74,3 %) e almacenamento de ficheiros (73,7 %).
A xestión en liña dos plenos é a aplicación que máis medra desde 2023, chegando ao 43 % dos concellos, cun crecemento relativo do 64,1 %. Ademais, o 32,4 % dos municipios permiten xa que a maioría dos trámites se poidan facer integramente de forma dixital.
Todos os concellos galegos dispoñen de sede electrónica, e a facturación electrónica está implantada no 92,4 % das entidades municipais, mentres que a emisión de documentos electrónicos alcanza o 90,7 %. A xestión de expedientes está presente no 97,5 % dos municipios.




