A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) rematou a modernización e evolución dos postos dixitais nas 69 oficinas rurais da Consellería do Medio Rural. Esta actuación, informada hoxe no Consello da Xunta, supuxo un investimento de 532.544 euros e permitiu adaptar un total de 498 postos de traballo a modelos máis flexibles, que combinan o labor a pé de explotación co traballo na oficina.
Esta adaptación é especialmente relevante nas oficinas rurais, onde o persoal técnico adoita compaxinar tarefas administrativas coa actividade fóra das dependencias públicas. Para responder a estas necesidades, a Amtega deseñou solucións específicas para os tres perfís profesionais da Rede de oficinas rurais: persoal técnico de servizos veterinarios, persoal técnico de servizos agrarios e persoal de xestión administrativa.
Os profesionais dos servizos veterinarios e agrarios levan a cabo inspeccións, controis, visitas, asesoramento e seguimento en explotacións e outros puntos do territorio. A nova configuración dos postos permite dar continuidade a estas tarefas tanto dende a oficina como durante o traballo de campo.
En concreto, a actuación inclúe 317 postos móbiles completos para o persoal técnico veterinario e agrario. Estes postos constan de ordenadores portátiles avanzados, con conexión ao posto de sobremesa, pantallas externas, teclado intelixente, rato e auriculares con micro. Esta dotación facilita o acceso remoto e seguro ás aplicacións corporativas e á información dos expedientes, evitando que a mobilidade limite a capacidade de actuación dos profesionais.
No caso do persoal técnico agrario, os postos incorporan unha segunda pantalla externa, que permite consultar simultaneamente distintas aplicacións, expedientes e información xeográfica ou cartográfica, fundamental nas tarefas de análise, tramitación e seguimento.
A renovación completouse con 181 postos fixos, destinados principalmente ao persoal de xestión administrativa, tramitación e atención á cidadanía. Os novos equipamentos ofrecen un contorno de traballo actualizado e adaptado ao uso intensivo de ferramentas ofimáticas e aplicacións corporativas.
Esta iniciativa beneficia a preto de 500 empregados públicos da Rede de Oficinas Rurais, mellorando a calidade dos servizos prestados. A evolución tecnolóxica facilita o labor dos empregados, reforza a atención de proximidade e garante servizos máis eficientes en todo o territorio galego.




