O documento, que será o sétimo da historia, busca posicionar Galicia como unha das comunidades referentes en España na planificación dun financiamento universitario previsible. Destaca que o actual plan (2022/26, prorrogado a 2027) xa supuxo unha achega da Xunta de preto de 2.542 M€, case 85 M€ máis do previsto inicialmente. A previsión é que se mobilicen máis de 3.300 M€ no período total.
Grazas a esta planificación, Galicia xa acadou o obxectivo de que o gasto público en universidades equivalese ao 1% do Produto Interior Bruto autonómico no ano 2023. Ante os bos resultados e os recentes procesos electorais nalgunhas universidades, decidiuse prorrogar o plan actual ata 2027.
Os traballos de cálculo e redacción do novo plan desenvolveranse nos próximos meses, coa celebración de novas reunións do grupo de traballo recentemente constituído. A estrutura e metodoloxía do documento para o período 2028/32 manterán as liñas do plan vixente, incorporando novidades como a matrícula gratuíta ou a Fundación Galtia, ademais de afrontar as esixencias do programa estatal María Goyri.
As universidades deberán remitir á Xunta información sobre planificación de xubilacións, necesidades docentes, plans de investigación e datos de contabilidade analítica. Na reunión do grupo participaron representantes da Xunta, como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e da Universidade de Santiago de Compostela (o xerente, Juan Díaz Villoslada), da Universidade de Vigo (a xerente, Ana María Comesaña) e da Universidade da Coruña (o reitor, Ricardo Cao).




