O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recibiu hoxe aos dous alumnos que competirán na modalidade de Tecnoloxía do automóbil e Tecnoloxía de vehículos pesados, respectivamente. Héctor Sánchez, do CIFP Politécnico de Santiago, e Manuel Prada, do CIFP Someso da Coruña, gañaron o seu pase á proba internacional tras obter as medallas de ouro nos campionatos Galiciaskills 2025 e Spainskills 2026.
O titular de Educación desexoulles “toda a sorte” aos estudantes, que se medirán “cos mellores estudantes de FP do mundo”. Lembrou a aposta da Xunta por unha FP galega moderna e innovadora, conectada co tecido produtivo e que destaca pola implicación do alumnado e profesorado.
Os dous alumnos galegos forman parte da delegación española, composta por 34 competidores en 31 modalidades, que se desprazará a finais de mes á cidade chinesa. A Worldskills 2026 reunirá a 1.400 estudantes de 70 países baixo o lema `Domina as túas competencias, cambia o teu futuro’.




