O Consello da Xunta deu luz verde hoxe a un protocolo de colaboración co Concello de Santiago de Compostela para a cesión dunha parcela municipal destinada á nova sede da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Actualmente, a fundación atópase no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, pero o crecemento da súa actividade investigadora e asistencial fai necesaria a súa ampliación.
O acordo establece un marco de colaboración entre ambas as administracións co obxectivo de facilitar os terreos municipais necesarios para construír unhas instalacións máis amplas e modernas. Esta iniciativa busca dotar de maior capacidade ao ecosistema de investigación e innovación da medicina xenómica en Galicia, permitindo o crecemento da entidade e o desenvolvemento de proxectos de maior alcance.
A Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica é unha institución de referencia en Galicia, dependente da Administración Xeral da Comunidade Autónoma e clasificada como de interese científico-sanitario. A súa finalidade céntrase no desenvolvemento de actividades relacionadas coa medicina molecular, a xenética humana, a biotecnoloxía, a terapia xénica, a farmacoxenética e a inmunoloxía, así como no coñecemento das aplicacións derivadas do proxecto Xenoma Humano.
Esta aposta pola medicina molecular e a investigación científico-sanitaria reafirma o compromiso da Xunta coa prevención, a personalización e a precisión na medicina. Galicia xa está a desenvolver iniciativas relevantes neste ámbito, como o proxecto Xenoma Galicia, impulsado pola Consellería de Sanidade e coordinado pola propia fundación.
O proxecto Xenoma Galicia, dirixido polos investigadores María Brión e Ángel Carracedo, conta cun investimento da Xunta de 20 millóns de euros e ten como meta analizar o ADN de 400.000 galegos. Ata o momento, xa se detectaron 49 persoas con variantes xenéticas de risco entre as 2.816 mostras analizadas, incluíndo casos de cancro de mama e ovario hereditario, Síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar.
Actualmente, estanse recollendo mostras de participantes invitados nos distritos sanitarios de Ourense, O Barco de Valdeorras e Verín.




