A Xunta de Galicia achegará case 60.000 euros para a construción dunha fonte seca ou transitable no Concello da Laracha. Esta intervención, que se executará nos próximos meses, busca crear unha lámina de auga móbil no centro urbano e converter a zona nun refuxio climático para protexerse das altas temperaturas.
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, xunto co alcalde, José Manuel López, presentou o proxecto. Esta iniciativa forma parte das axudas convocadas polo departamento de Uría co obxectivo de promover actuacións locais para previr ou facer fronte aos riscos derivados do quecemento global mediante solucións baseadas na natureza.
Os traballos realizaranse no parque da praza de Maximino Canedo, un espazo moi popular. A fonte actual será demolida para instalar un sistema de chorros de auga emerxentes desde o chan con iluminación integrada, ademais de renovar todo o pavimento. Esta solución destaca pola súa versatilidade espacial, accesibilidade e o confort climático que proporciona, ademais de optimizar o consumo de auga.
Paula Uría lembrou que é o segundo ano que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convoca estas axudas municipais, que poden cubrir ata o 80% do investimento, cun límite de 60.000 euros por proxecto. Na convocatoria deste ano, outorgáronse 32 axudas en 31 municipios galegos.
As accións subvencionables inclúen intervencións en espazos públicos para reforzar a biodiversidade e as zonas verdes urbanas, ou para crear refuxios que atenuen o efecto illa de calor. Desde o ano pasado, a Consellería investiu preto de 4 millóns de euros en 75 proxectos climáticos en concellos galegos, incluído un proxecto piloto en Ourense.




