A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colaborará con 39 concellos galegos para impulsar a modernización e renovación de equipamentos culturais como centros socioculturais, auditorios ou bibliotecas. Esta liña de subvencións, dotada con 500.000 euros, busca incrementar a calidade da oferta cultural nos municipios das catro provincias.
Os proxectos beneficiados inclúen melloras en centros bibliotecarios, locais socioculturais, casas da cultura, salóns de actos e auditorios. A distribución provincial das axudas é de 19 proxectos na provincia da Coruña, 6 na de Lugo, 7 na de Ourense e outros 7 na de Pontevedra.
As axudas sufragarán gastos relacionados coa mellora da accesibilidade, como a instalación de plataformas elevadoras, e coas condicións dos locais mediante a reforma de servizos enerxéticos ou de calefacción. Tamén se apoiará a posta en funcionamento de novos centros e a adquisición de equipamento escénico, audiovisual, de iluminación e son.
Esta iniciativa responde ao compromiso do Goberno galego coa modernización destas infraestruturas, aliñada cos obxectivos do Plan de modernización das infraestruturas culturais públicas de Galicia e da Lei de cultura inclusiva e accesible.




