A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Down Compostela abriron o prazo para unha praza de aloxamento compartido, enmarcada no proxecto de convivencia inclusiva ‘Isto é Vida’. A persoa seleccionada, que deberá ser estudante da USC, obterá unha habitación individual gratuíta nunha vivenda do programa, onde compartirá espazo con persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
O prazo para presentar solicitudes é de 10 días hábiles a partir deste mércores 30. Os requisitos inclúen estar matriculado/a nunha titulación oficial da USC no campus de Santiago de Compostela, ser maior de idade, residir habitualmente fóra da cidade e non ter circunstancias persoais ou de saúde que poidan prexudicar a convivencia ou a seguridade. A Fundación Down Compostela cubrirá os gastos de aloxamento e correntes (electricidade, gas, auga e internet), mentres que o/a estudante asumirá os seus gastos de manutención.
Esta iniciativa, froito da colaboración entre a Vicerreitoría de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar da USC e a Fundación Down Compostela, busca fomentar unha convivencia baseada na reciprocidade, o apoio mutuo e o respecto á diversidade. O obxectivo é crear relacións significativas entre o estudantado universitario e as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
A participación nesta convocatoria ten un carácter convivencial, social e formativo, e non se considera voluntariado nin implica funcións profesionais, asistenciais, sanitarias ou educativas especializadas.




