O espazo protexido acaba de publicar un novo estudo realizado polo investigador Jaime Blanco, que incorpora ao catálogo actualizado dos macromicetes presentes nos arquipélagos de Cíes, Sálvora e Ons. O traballo inclúe análises moleculares para confirmar a identidade de novas especies e amplía significativamente o coñecemento da biodiversidade micolóxica do parque.
Os resultados do proxecto rexistran un total de 108 taxons en Cíes, 13 en Sálvora e 69 en Ons. Isto suma, coas aportacións previas, un catálogo actualizado con 257 taxons para Cíes e 63 para Sálvora. Entre os achados, destacan tres especies que ata o de agora non se localizaran en Galicia: o agaricus argyeoropotamicus e o coprinus xerophilus na Illa de Sálvora, e o melanoleuca luterolosperma na Illa de Faro, pertencente ao arquipélago de Cíes.
Tamén se destacaron especies comúns como o fungo da procesionaria, o níscalo hepático, a estrela de terra, a bola de neve ou o boleto. No que respecta a Ons, atopáronse exemplares de Bonomyces afrosinopicus no ano 2006, constituíndo a primeira mención deste taxón en toda España, ás que súmanse 68 aportacións máis entre os anos 2006 e 2010.
Entre 2017 e 2025 realizáronse prospeccións micolóxicas en diferentes hábitats terrestres das illas de Cíes e Sálvora, identificándose 116 grupos de fungos. Descríbense ata o momento catro taxons exclusivos deste espazo protexido, propostos como novos para a ciencia. A Xunta destaca a importancia extraordinaria destes elementos, xa que constitúen patrimonio biolóxico singular con distribución mundial restrinxida a estas illas.




