O acordo, asinado esta semana polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a reitora da USC, Rosa Crujeiras, ten como obxecto impulsar a análise in vitro da interacción de biomateriais co sistema sanguíneo e inmune. A iniciativa enmárcase na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 e no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
O investigador principal e promotor da iniciativa no Instituto de Materiais (iMATUS) da USC é o doutor Luis Antonio Díaz Gómez, profesor titular na Facultade de Farmacia. O estudo consistirá en realizar avaliacións en laboratorio para comprobar se os novos materiais son compatibles co sangue e como inflúen na súa coagulación, avanzando así no seu uso en dispositivos médicos.
Para o desenvolvemento da investigación, ADOS facilitará ao iMATUS mostras de sangue procedentes de remanentes que non se van empregar na preparación de compoñentes sanguíneos. O uso destas mostras estará suxeito ao consentimento informado das persoas doadoras e o estudo será totalmente anónimo. Estímase que serán precisas mostras de 12 doantes, incluíndo 6 mulleres e 6 homes.
O acordo terá unha duración de catro anos, con posibilidade de ser prorrogado por 12 meses máis a proposta da Comisión de Seguimento do Convenio e previo acordo das partes.




