A mostra, da artista e cineasta Diana Gonçalves, parte do documental “Mulleres da Raia” e utiliza linguaxe cinematográfica, materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais para construír unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal.
‘Transfronteiriza’ céntrase na memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, destacando o seu papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou na inauguración a contribución de iniciativas como esta para “poñer en valor a identidade transfronteiriza e os recursos turísticos e culturais asociados ao río Miño e ás comunidades históricas de ambas marxes”.
Merelles tamén subliñou o aporte de propostas culturais para a “dinamización do turismo e a captación de públicos diversos”, ao incentivar as visitas e o descubrimento do patrimonio e a oferta cultural.
En 2025, o turismo cultural atraeu a Galicia preto de 825.000 turistas, que xeraron máis de 4,1 millóns de noites e un gasto asociado de 460 millóns de euros, cun gasto medio diario de 111,7 euros por persoa.




