Un total de 90 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, dúas asociacións profesionais e empresariais de artesáns e cinco concellos beneficiaranse desta convocatoria de 2026. O obxectivo é dar un pulo ao sector artesán, recoñecido polo seu dinamismo territorial, xeración de emprego e fixación de poboación, especialmente no rural.
As axudas están dirixidas a apoiar a organización e participación en feiras e eventos de comercialización de artesanía, tanto dentro da Comunidade Autónoma como a nivel estatal ou internacional. Búscase así consolidar as actividades artesanais galegas, que abarcan unha ampla gama de oficios e responden ás demandas do mercado actual.
Para os obradoiros artesáns, as achegas cobren gastos como o alugueiro de espazos expositivos, seguros, servizos básicos obrigatorios, tradución e transporte de material. No caso dos concellos e asociacións, as subvencións son para organizar feiras e eventos que poñan en valor os oficios e aumenten as vendas, cubrindo gastos de infraestrutura, servizos feirais e publicidade.
As axudas aos concellos poden ser para feiras monográficas, centradas nun único oficio tradicional, ou non monográficas, que inclúan diversos oficios.




